A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a AMTEGA asinan un novo convenio de colaboración

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a AMTEGA asinan un novo convenio de colaboración

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia asinaron hoxe o documento, o cal recolle unha serie de actuacións relativas ao fomento da Sociedade da Información.

En base a este convenio, A AETG elaborará unha nova edición da “Guía de boas prácticas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación”, que contemplará os novos aspectos e cambios normativos de interese para a Administración Local. As modificacións normativas no referente ás infraestruturas de telecomunicación repercuten nas actividades sobre as que exercen as súas competencias as entidades locais, por este motivo, a actualización da Guía de boas prácticas é unha das actuacións previstas no convenio de colaboración asinado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente da AETG, Ramón Bermúdez de Castro.

O acordo contempla tamén a continuidade do servizo de asesoramento que a AETG posúe a disposición dos concellos galegos, sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Este servizo está dispoñible a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal. A medida exponse como unha canle de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario das Administracións Locais.

Por outra banda e tamén no marco deste acordo, dende a AETG realizarase un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que polas súas características específicas requiran de medidas de control concretas.