Nova convocatoria do Concurso Europeo de Navegación por Satélite (Galileo Masters) e Premio especial a ideas sobre aplicacións civís de UAVs baseados en navegación por satélite
Por segundo ano consecutivo, Galicia participa no Concurso Internacional Galileo Masters, sobre aplicacións da navegación vía satélite convocado pola Axencia Espacial Europea (ESA). Trátase dun concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas no desenvolvemento de aplicacións orientadas ao mercado e baseadas en tecnoloxías de navegación por satélite. O certame ten de prazo de presentación de candidaturas até o vindeiro 30 de xuño e repartirá máis de 1 millón de euros en premios.
Galicia é unha das 21 rexións asociadas e convoca dous premios:
- Premio rexional promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo, a Universidade de Vigo, a Axencia Galega de Innovación, a empresa Marine Instruments e os centros de investigación AtlanTIC e Campus do Mar.
- A Xunta de Galicia a traverso da Axencia Galega de Innovación e coa participación de Indra e Inaer, concederá un premio especial no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados (UAVs) e as súas aplicacións no ámbito civil, en liña coa aposta da administración autonómica por este sector materializada na Civil UAVs Initiative. Os UAVs representan un mercado crecente para o uso de sistemas de navegación por satélite xa que precisan dunha orientación e posicionamento preciso.
Co obxectivo de presentar o concurso Galileo Masters e o premio especial, celebrarase unha xornada informativa na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela (Rúa Airas Nunes, s/n) o vindeiro 13 de xuño pola mañá. Nela intervirá o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, xunto a representantes do Consorcio Zona Franca de Vigo, da entidade organizadora do premio, das empresas Indra e Inaer e da Universidade de Vigo.
Programa completo da xornada e formulario de inscrición
Máis información:
Web European Satellite Navigation Competition
Web European Satellite Navigation Competition Galicia
Web Premio Especial UAVs