O COETG celebra as Xornadas sobre Aplicacións Móbiles en Saúde
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia xunto co Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña organizan as Xornadas sobre aplicacións móbiles en saúde, para axudar aos facultativos a aproveitar as novas tecnoloxías na súa práctica diaria. Terán lugar os días 23 e 24 de abril, de 17.00 a 20.30 horas, na sede do Colexio Médico na Coruña.
As charlas serán impartidas por enxeñeiros de telecomunicación colexiados, e terán un marcado carácter práctico. Na xornada de maña xoves, os temas a tratar serán a aplicación de dispositivos móbiles na consulta médica, a forma de seleccionar as apps máis adecuadas a cada caso, a procura de información, a axuda ao diagnóstico, e as ferramentas de apoio para o seguimento, rexistro e monitorización de pacientes.
O venres 24 de abril poranse sobre a mesa os usos desta tecnoloxía para o control de doenzas concretas, como a hipertensión, a enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC), a diabetes, a hipercolesteriolemia e as afeccións da pel.
Esta actividade é a primeira das que se realizarán en base ao convenio de colaboración que o COETG asinou recentemente co Colexio Médico, co compromiso de traballar a prol do desenvolvemento e a incorporación das novas tecnoloxías da comunicación e a sociedade da información no ámbito médico.
Programa das xornadas e relación de poñentes
Todos aqueles colexiad@s/asociad@s que estean interesados na materia poden asistir a estas xornadas, formalizando a súa inscrición a través do teléfono 981.919.300.