Acto de presentación e posta en marcha do .gal
O venres día 16 de maio, véspera do Día das Letras Galega e o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e Día Mundial de Internet, terá lugar a presentación e posta en marcha do dominio .gal.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que está presente na Asociación Puntogal, compartirá cos presentes o inicio da andaina deste dominio na rede.
É un dominio que vai identificar todos os galegos e galegas en Internet, independentemente do lugar do planeta onde se atopen. Non nos cansamos de dicir que é un logro de toda a sociedade galega e temos o convencemento de que será un instrumento eficaz para incrementar a conciencia da nosa identidade e unha maior cohesión social.
Nese acto, que terá lugar na Cidade da Cultura ás 11.00 horas, informarase sobre as fases de lanzamento do dominio, e especificaranse os prazos, prezos e requisitos para acceder a un dominio .gal. A primeira páxina web creada baixo o dominio .gal recollerá toda esta información e será activada no transcurso do acto polo Presidente da Xunta de Galicia. Tamén intervirán no acto Manuel González González, Presidente de PuntoGal e Xosé Antonio Gómez Segade, Catedrático de Dereito da USC.