A AETG asina un convenio coa AMTEGA para o asesoramento a concellos en materia de infraestruturas de telecomunicación
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia pon á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. É unha das medidas recollidas no convenio de colaboración asinado o luns 31 de marzo en Santiago de Compostela pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o presidente da AETG, Ramón Bermúdez de Castro.
Dende o 1 de abril, a AETG ofrecerá soporte centralizado e permanente ás entidades locais para resolver dúbidas sobre a aplicación da normativa e cuestións técnicas da implantación dos equipamentos de telecomunicación que afectan as actividades das Administracións locais.
Este servizo estará a disposición dos concellos a través do o teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.
Esta medida vén motivada polos numerosos cambios en materia das telecomunicacións que se están a producir nestes anos, e que repercuten nas actividades sobre as que exercen as súas competencias as entidades locais. Este novo servizo busca eliminar as dificultades de actualización normativa e de acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario destas Administracións Locais.
Con este novo servizo búscase facilitar desenvolvemento ordenando das telecomunicacións en todo o territorio promovendo un ambiente favorable que atraia o investimento dos operadores e facer que todos os cidadáns poidan acceder a máis y mellores servizos de telecomunicación alcanzables.