Juan Valdés Payá, toda unha vida dedicada ás Telecomunicacións
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) rende hoxe homenaxe póstumo ao ex xefe provincial de inspección de Telecomunicacións da Coruña, Juan Valdés Payá, que faleceu onte tras toda unha vida profesional dedicada ao fomento e impulso das telecomunicacións en Galicia.
Testemuña directa da explosión das telecomunicacións que proliferaron de maneira imparable dende o inicio da súa traxectoria profesional, durante os máis de trinta anos de servizo á profesión, Juan Valdés Payá foi o encargado de desenvolver a implementación das TIC na provincia da Coruña, contribuíndo notoriamente a implantar os novos sistemas de telecomunicacións.
Este coruñés de adopción, chegou á Coruña no ano 1964 para facerse cargo do servizo de mantemento das instalacións da Estación Radioeléctrica Costeira de Eirís dende onde participou en numerosas operacións de salvamento e seguridade marítima. Nove anos máis tarde foi destinado á Xefatura Rexional dos Servizos Técnicos de Telecomunicación de Galicia como axudante do enxeñeiro xefe.
En 1967 ingresou como profesor adxunto interino de radiotelegrafía naval na Escola Superior da Mariña Civil da Coruña, impartindo materias de radiocomunicacións marítimas e sistemas radioeléctricos de axuda á navegación.
Juan Valdés foi nomeado xefe de Comprobación Técnica de Emisións Radioeléctricas, o 20 de novembro de 1987, e tres anos máis tarde, xefe provincial de inspección de Telecomunicacións na Coruña, permanecendo neste cargo ata a súa xubilación.
Así mesmo, participou en numerosos cursos de actualización técnica e lexislativa en materia de telecomunicacións e foi galardoado coa Cruz da Orden de Isabel La Católica.
Dende o punto de vista persoal, os que o coñecestes podedes dar conta do seu talante aberto e dialogante, así como da súa total entrega ás tarefas que tivo encomendadas en cada un dos postos que desempeñou.
Dende o COETG, querémoslle dar hoxe o noso derradeiro adeus a este compañeiro que loitou incansablemente pola modernización das telecomunicacións en Galicia. Descansa en paz, querido amigo.