O COETG visitou as instalacións de telecomunicacións do Aeroporto de Lavacolla
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia organizou onte unha visita guiada polo aeroporto da capital compostelá para coñecer as infraestruturas de telecomunicacións e os sistemas de navegación aérea.
Grazas ó persoal técnico de AENA, os colexiados e asociados tiveron a oportunidade única de coñecer de primeira man todo o funcionamento dos distintos sistemas de navegación aérea do aeroporto santiagués.
Dende o punto de encontro previsto no aparcadoiro da torre de control do aeroporto, os asistentes partiron cara o VOR, onde comezou o percorrido. Tras traspasar as medidas de seguridade do recinto, achegáronse aos equipos instalados no TACC (Centro de Control de Área Terminal de Galicia) e posteriormente puideron acceder a torre de control en pequenos grupos, namentres os outros convidados disfrutaban das vistas dende a terraza. Durante toda a xornada, o equipo especializado de AENA acompañou aos visitantes respondendo ás múltiples preguntas formuladas.