O COETG/AETG visitan as instalacións de Navantia en Ferrol

O COETG/AETG visitan as instalacións de Navantia en Ferrol

Dentro das actividades de carácter tecnolóxico que o COETG/AETG organiza periodicamente, o 16 de novembro en quenda de tarde, un grupo de colexiados e colexiadas visitaron as instalación que Navantia ten na ría de Ferrol.

Seguindo o programa previsto, o grupo de colexiados/asociados do COETG/AETG foi recibido polos representantes do Estaleiro Navantia Ría de Ferrol, o Director Xeral, o Director do Programa CSC para Canadá e PMO do Programa AOR para Australia e o Xefe de Seguridade e RRII Ría de Ferrol, cos cales se realizou unha fotografía na porta de entrada do edificio de dirección do estaleiro.

A visita comezou coa explicación por parte do Director de Navantia das distintas zonas e edificios que compoñen o estaleiro, sobre a maqueta das instalacións, e un breve percorrido histórico das distintas etapas do mesmo desde a súa creación no século XVIII, explicando tamén diferentes proxectos presentes e futuros.

Pola súa banda, o Director de Programas realizou unha exposición sobre a construción dos distintos tipos de buques centrándose principalmente nos completos sistemas de telecomunicación que albergan. Posteriormente realizouse un percorrido por diferentes naves e diques que forman o estaleiro, guiado polo Xefe de Seguridade e RRII, o cal foi explicando as distintas fases de construción dos buques, desde o seu deseño até a propia botadura do barco.