O conselleiro de Economía e Industria asistirá á XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

O conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde, asistirá á XIX Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, a gala anual organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres, 24 de outubro, a partir das 20.00 horas, no Gran Hotel da Toxa.

Esta décimo novena edición estará dedicada a analizar a relación entre a Sociedade dixital e a saúde e contará tamén coa presenza de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xunto a outras autoridades e representacións, e máis de 300 profesionais das TIC nos sectores sanitario, farmacéutico, loxístico, de equipamento tecnolóxico e de compañías de seguros médicos.

A Noite dará comezo ás oito da tarde, cun cóctel de benvida e un photocall no que as autoridades e os galardoados cos Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2014, posaran para os reporteiros gráficos dos medios de comunicación.

O inicio da entrega de premios, presentada polo actor galego Javier Veiga, será ás nove e media da noite, no Salón Principal do Gran Hotel da Toxa. O acto arrincará coa proxección dun vídeo sobre a Sociedade dixital e a saúde, no que se pon de manifesto a importancia das TIC á hora de facer sostible o sistema sanitario galego. A continuación, o decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro, pronunciará un discurso de benvida.

Chegará entón o momento estrela da Noite, a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, que recoñecen o labor das persoas e empresas que demostraron o seu compromiso co desenvolvemento das TIC ao longo de ano 2014. Os sete gañadores desta edición son os seguintes:

Premio Ingeniero Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Torus Software Solutions SL

Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica.

Premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes.

Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración con Amtega, para InfoJC S.L., polo proxecto, Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable.

Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a compañía R.

Socio de Honra 2014, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para a Cruz Vermella de Galicia

Enxeñeiro do Ano 2014 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para Gil Carlos Bernárdez Matovelle.

Trala entrega dos premios, o propio Gil Carlos Bernárdez intervirá en nome de todos os galardoados.

Programa NGTSI 2014