O galego xa está na UIT mediante a iniciativa do COETG
- O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) conmemorou o Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2013 conseguindo levar a nosa lingua vehicular ao más alto nivel neste eido, o da Unión Internacional das Telecomunicacións (UIT), no que o póster oficial deste ano en galego xa comparte espazo cos outros seis idiomas de maior difusión do mundo (http://www.itu.int/en/wtisd/Pages/2013promotion.aspx).
- Esta iniciativa encádrase dentro do programa de accións que o Colexio levou a cabo con motivo da celebración desta data sinalada para as telecomunicacións, e agora tamén, para todos os que conforman o sector TIC galego, que xa pode presumir de ter unha páxina propia na UIT na súa lingua.
O COETG celebrou o Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información cun socio moi especial, a Unión Internacional de Telecomunicacións, o máximo organismo mundial neste eido. Entre as iniciativas que xa están subidas á páxina web da entidade internacional (http://www.itu.int/en/wtisd/Pages/2013initiatives.aspx) destaca o cartel do DMTSI en galego, que comparte páxina propia co castelán, o inglés ou o chinés.
Esta actividade levada a cabo polos enxeñeiros de telecomunicación de Galicia coa finalidade de conmemorar esta data tan especial para eles e para todos os galegos, xa que coincide coa celebración das Letras Galegas, se enmarca dentro dos seus fins fundacionais de impulsar as telecomunicacións na nosa comunidade, para acadar o máximo desenvolvemento dun sector tan estratéxico como o TIC.
Tanto coa publicación do cartel en galego simultaneamente co tradicional Manifesto do COETG e a revista A Nosa Rede, como cos diferentes actos que organiza, o COETG quere amosar o seu apoio á iniciativa levada a cabo pola UIT para conmemorar este día, que baixo o lema “As TIC e a mellora da seguridade vial”, pretende concienciar a toda a sociedade da importancia das TIC, que constitúen unha oportunidade real para salvar as miles de vidas que se perden cada ano nos accidentes de tráfico, e aproveitar para facer un chamamento ás empresas galegas do sector, para que exerzan a súa responsabilidade neste eido, desenvolvendo novas tecnoloxías que axuden a mellorar a seguridade vial, contribuíndo así a salvagardar as miles de vidas que se perden cada ano no mundo.